quinta-feira, 31 de março de 2011

Filosofía e Cidadanía (1ºBac): MATRIX

Desde hai algún tempo vimos empregado este filme como material para as aulas de Filosofía en primeiro de Bacharelato. A sua finalidade é encapsular no menor tempo posíbel, grazas ao formato fílmico, a relación que a filosofía occidental estabelece entre metafísica e epistemoloxía, por un lado, e filosofía moral e política por outro. Esa mesma síntese didáctica é, agora, aínda máis necesaria se atendemos ao espírito co que parece formularse esta materia de Filosofía e Cidadanía que, alén diso, conta só con dúas sesións semanais.


Do que se trata é de que unha interpretación metafórica do filme nos permita encontrar novos sentidos á nosa experiencia persoal da realidade e da sociedade. Salvando as distancias, é unha forma de recuperar a metodoloxía platónica dos símiles, mais neste caso para aproximarnos da tradición filosófica que comeza co propio Platón, en particular, e co pensamento grego, en xeral.

Na ligazón que se oferece a dereita (Materiais) pódese procurar o texto, en galego, da primeira parte do filme dos irmaos Wachowski. Será fundamental, este texto, para podermos desenvolver os apartados programados para esta parte do curso.